Kaash

Dinámica gravitacional

| Vanesa M. Sotelo |

 

Kaash

Foto: Jean Louis Fernandez

 

Tal vez non poidamos entender o universo mirando pola fiestra a Osa Maior pero podemos compartir escintileos de imaxes primixenias e impactos asociativos do imaxinario colectivo a través da atracción e o equilibrio dos corpos en movemento. É o que acontece con Kaash, da Akram Khan Company.

Creada en 2002 e reestreada en 2014, Kaash foi a primeira peza para grupo do coreógrafo Akram Khan, descubrindo con ela a súa singular linguaxe nacida da mestura e o diálogo de diferentes tradicións culturais e escénicas. A cuestión do diálogo, fío condutor do programa da sexta edición do Festival Guidance celebrada entre o 4 e o 13 de febreiro en Guimarães, materialízase en Kaash polas pontes que traza entre oriente e occidente, entre tradición e contemporaneidade, entre a danza e outras disciplinas –máis concretamente, a música e a escultura co traballo de Nitin Sawhney e Anish Kapoor.

“E se” nun lugar conviven a nada e o todo? “E se” miramos ao tempo o baleiro e a plenitude? “E se” no principio foi o movemento que latexa na quietude? Son posibilidades que parece insinuar Kaash co seu fluxo gravitacional no que cinco corpos, como corpos celestes, ofrecen unha danza en estado puro que goza coa materialidade do corpo pero da que tamén brotan imaxes nas que se intúen espectros, alteridades e divindades. O Shiva Nataraja é o símbolo da eterna dinámica universal creada por esta divindade a través da súa danza e nel toman corpo as dualidades da creación e a destrución, a vida e a morte, o principio e o final. Xerador de vida cando baila, Shiva Nataraja é tamén o señor dos crematorios, nos que baila cuberto das cinzas dos mortos e onde o ego e a ilusión son destruídos para que todo volva comezar nun ciclo infinito. Esa renuncia da ilusión en favor da corporalidade e a materia fai que o movemento xurda en Kaash con toda a súa potencia, deseñado sobre composicións enérxicas e formas xeométricas simples que acaban por atrapar a mirada, confeccionar imaxes mediante asociacións libres e trasladar a quen se achega ao espectáculo desde o silencio primitivo do universo até o eco futuro da eternidade.

Kaash, palabra hindi que significa “e se” é unha porta aberta ás posibilidades pero ante todo é unha explosión de precisión e enerxía. Os seus cinco intérpretes materializan un traballo exacto e medido configurando un espectáculo no que, os corpos gravitan entre sí, comparten órbita – integrándose e se desintegrándose-, suspenden o tempo e manteñen a súa lóxica gravitacional atraendo a mirada de quen asiste sobre o corpo repleto de sentidos abertos e espido de significados pechados.

A nivel espacial, resulta fundamental o marco que, entre a escultura e a pintura, constrúe o escultor Anish Kapoor e que conecta con pezas como It’s a man na que un pesado bloque de pedra se confronta co baleiro interno que provoca o rectángulo de pigmentos negros que contén a súa superficie. O mesmo acontece no plano vertical do espazo de Kaash, cuxo horizonte vén definido por un rectángulo horizontal negro ante o que os corpos bailan observados pola sombra do enigma e a atracción do abismo, incitando a quen mira a atravesar a físgoa que separa o mundo alleo do propio mundo interior. Nesa abstracción escultórica que propón Kapoor na que gravita a danza, transitan as paisaxes de luz que xeran intimidades, connotan secuencias temporais, debuxan atmosferas e posibilitan tensións e distensións na mirada. E, para retomar a idea do diálogo, todo se completa coa creación musical na que o sistema para contar os tempos que empregan algunhas danzas tradicionais hindús e a materia da oralidade se mesturan nunha impoñente base de percusión que lembra o tambor en forma de reloxo de area que porta na súa man, durante a súa danza, Shiva Nataraja.

Danza para atravesar o corpo, para suspender a mente, para intuír sentidos sen definir significados, para abrir vectores no universo e entender a materia e a masa que conformamos cada un de nós, que pasamos de ser centro do todo a unha das partículas da nada.

 

Kaash, de Akram Khan Company.
Dirección artística: Akram Khan.
Interpretación: Kristina Alleyne, Sadé Alleyne, Sung Hoon Kim, Nicola Monaco, Sarah Cerneaux.
Música: Nitin Sawhney.
Escenografía: Anish Kapoor.
Luz: Aideen Malone.
Figurinos: Kimie Nakano.
Música adicional: “Spectre” de John Oswald tocado por The Kronos Quartet.

Centro Cultural Vila Flor/Grande Auditório. Festival Guidance, 11 de febreiro de 2016.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements