Canchales

Unha paisaxe teatral de “canchales” hipnóticos

| Afonso Becerra de Becerreá |

 

canchales

 

A meteorización ou fragmentación das rochas pola acción mecánica das cuñas de xeo dá lugar a Canchales, acumulación de pedras irregulares nas faldras das montañas. Paisaxes minerais de natural caoticidade, cun aquel surreal e unha beleza fóra da norma.
A meteorización ou decantación das poéticas de El Canto de la Cabra (Elisa Gálvez e Juan Úbeda) e Ensalle Teatro (Raquel Hernández, María Costa, Artús Rei e Pedro Fresneda) dá lugar a uns Canchales de efecto hipnótico e beleza fóra da norma.

Canchales lévanos cara a un movemento fóra dos canons do cotiá ordinario. A acción real de enfíar agullas. Debuxar na parede figuriñas antropomórficas en masa por baixo de postes do tendido eléctrico, pendurados dos fíos da luz, gabeando polos postes, como quen debuxa nas paredes das cavernas primixenias unha parella collida da man á beira dun precipicio. A acción dunha instalación plástica de luvas que xiran e cirrichan viño penduradas. A acción de danzar nu enriba da terra núa, entre esqueletes de árbores ananas. A acción de murmurarlle a un pau… Accións e instalacións plásticas, coreográficas, textuais, que modifican o tempo cotiá ordinario da recepción para, de xeito hipnótico, somerxernos nun tempo extraordinario. O cambio da vivencia temporal muda tamén a nosa respiración e, por tanto, as nosas sensacións e, a partir de aí, algo innomeable cambia en nós. Xorde a arte e desaparecen os artistas.

Canchales é un traballo coral, sen protagonismos nin efectismos lixeiros. Un traballo real con materiais reais que fían o tempo amoldándoo á súa propia física. O viño que chorrea e pinga, o fío que intenta entrar no ollo da agulla, a danza pendular. O traballo delicado das actrices e dos actores fúndeos cos materiais nunha horizontalidade antixerárquica e emerxe a arte e a maxia da arte, e desaparecen os artistas, desaparecen os egos.

 

Canchales. Parte 1 de El canto de la cabra e Tetaro Ensalle
Creación colectiva de: Elisa Gálvez, Juan Úbeda, Pedro Fresneda, Raquel Hernández, Artus Rei e María Costa.

Teatro Ensalle, Vigo. 5 de marzo de 2016.

 

 

 

 

Advertisements