Os reloxos preguiceiros de Néboa

Ritmo e caos

| Manuel Xestoso |

 

ReloxosNeboa

 

O emprego do tempo nas sociedades contemporáneas e o ritmo que lles imprimimos ás nosas vidas como síntoma de alienación; a aceleración social como manifestación da lóxica da competencia que rexe as relacións interpersoais; a oposición entre construír unha vida autónoma con fins autodefinidos e o afán por sumar experiencias propio dun paradigma consumista. Con estes elementos na recámara, Os reloxos preguiceiros de Néboa pretende erguer unha fábula alegórica e moralizante que sirva de entretemento familiar. Non é doado.

Aporía Teatro continúa coa liña iniciada en 30 e tantos ósos: ir edificando un discurso mediante a mestura de linguaxes, prestándolle unha detallada atención ao refinamento formal. Mais se naquel primeiro espectáculo da compañía o resultado subliñaba a complexidade do tema tratado, nesta incursión no teatro familiar a confusión substitúe á diversidade de perspectivas.

A obra de Xavier Lama traballa a partir de arquetipos da literatura popular e o ton simbólico ao que apunta precisaría dun rexistro interpretativo que se afastase máis do tópico caricaturesco: na montaxe de Aporía só se consegue acadar esa mesura en contadas excepcións. Por outra banda, a propensión do argumento cara ao disparatado semella contaxiar o ritmo da función, que esvara cara ao caótico con excesiva frecuencia.

Hai, a cambio, unha estética moi ben definida que combina con acerto o espazo sonoro, a iluminación e a escenografía, e que lle outorga ao relato unha certa unidade de fondo. Neste aspecto, a compañía vai creando a súa propia linguaxe con personalidade propia. Só falta que ese coidado se amplíe ao campo do narrativo: o fragmentario vale como argumento sempre que a dispersión estea refreada por unha intencionalidade clara.

Os aplausos do público dedicáronse as actrices, cuxo traballo, no medio do desconcerto da representación, presentou méritos propios.

 

Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama
Compañía: Aporía Teatro
Dirección: Diana Mera
Elenco: Merche Pérez, Teté García, Paula Pier, María Roja e Diana Mera
Asistencia de dirección: Teté García
Adaptación: Diana Mera e Teté García
Escenografía, vestiario e realización monicreque: Diego Valeiras
Atrezzo e iluminación: Allmad Estudio
Son: Teté García e Diana Mera
Asistencia de movemento: Merche Pérez
Deseño gráfico: María Roja

Galicia Escena Pro. Auditorio Abanca, Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016.

 

 

 

 

Advertisements