Nunca mates o mandarim

A lóxica do low-cost

| Manuel Xestoso |

 

Mandarim1

 

Hai persoas –poñamos por caso nos Estados Unidos– cuxo traballo consiste en observar as imaxes que envía un dron dende Afganistán, a once mil quilómetros de distancia. De cando en vez, ten que premer un botón que matará a un miliciano ou –segundo os estudos máis recentes– a varias vítimas civís que non teñen nada que ver coas guerras que se alimentan dende o poder. O resultado é o mesmo que cun avión de caza, pero un dron sae moito máis barato que un F-11.

Tamén sae moito máis barato comprar unhas zapatillas deportivas ou un móbil de determinadas marcas. E tamén ten consecuencias dramáticas: neste caso a morte non é instantánea, pero case podemos asegurar que con cada unha desas adquisicións estamos condenando a un menor ao traballo infantil desregularizado, á falta de educación, a unha vida de escravo. Nisto consiste a lóxica do low-cost.

Hai máis de cen anos, Eça de Queirós escribiu un pequeno relato que xa adiantaba as modernas teorías que postulan que a distancia contribúe a esvaecer a responsabilidade moral: Teodoro, o protagonista de Nunca mates o mandarim, só ten que tocar unha campaíña para que, na China, un mandarín inmensamente rico faleza e lle deixe en herdanza toda a súa facenda. O mandarín é alguén perfectamente descoñecido que vive nun lugar extraordinariamente afastado e, xa que logo, a súa morte non lle pode afectar emocionalmente. Tan fácil como mercar un teléfono móbil ou premer o botón dun joystick.

A adaptación do Teatro Experimental do Porto céntrase no dilema moral de Teodoro e, sen perder de vista a tonalidade de fábula marabillosa, logra sacar adiante un personaxe dotado de sentimentos e humanidade. Sen aprisionar a Teodoro nun perfil demasiado definido, a obra consegue expresar o desacougo ético daqueles cuxas eleccións veñen máis definidas pola súa posición social que polo seu carácter: como non escoller a riqueza? Ou, como dicía aquela personaxe de Brecht: “como vou ser boa co caro que está todo?”

E, non obstante, Teodoro ten unha dignidade e un sentido da honradez que, malia as súas fraquezas, ofrece unha lección sobre o ben e o mal, sobre a moral e a empatía. A súa busca dunha saída ao labirinto no que se ve inmerso ofrece unha radiografía do comportamento humano e deixa destilar nela as perplexidades do pensamento contemporáneo.

A posta en escena de Gonçalo Amorim está chea de recursos intelixentes e belos que enriquecen esta lectura: a imaxe en vídeo do mandarín, como recordatorio de que o sentimento de culpa asexa sempre; a música en directo do grupo FERE, que subliña a atemporalidade do argumento; o halo de misterio con que o vestiario, a escenografía e a iluminación recobren a trama, coma se todo se desenvolvese nun plano inconsciente vedado a quen desexa vivir sen as complicacións da honestidade. E así, sen moverse do rexistro do fantástico, dota esta pequena parábola dunha verosimilitude só deslucida en ocasións por algúns excesos actorais.

Nunca mates o mandarim explica as dúbidas do home común nun sistema perverso e obríganos a cuestionarnos sobre cantas veces sucumbimos á facilidade de premer nunha campaíña. Sobre o prezo que ten o adquirido baixo a lóxica do low-cost.

 

Nunca mates o mandarim, a partir da novela de Eça de Queirós
Dirección: Gonçalo Amorim
Adaptación: Rui Pina Coelho
Elenco: Catarina Gomes, Ivo Alexandre, João Miguel Mota, Paulo Calatré, Tanya Ruivo
Escenografia e vestiario: Catarina Barros
Música original en directo: FERE (André Mendes, Jaime Manso, João Pedro Amorim, José Pedro Alves, Pedro Alves)
Vídeo: Grandpa’s Lab
Deseño de luz: Francisco Tavares Teles
Desenho de son: Dani Valente
Coprodución: Teatro Experimental do Porto, TNSJ

FITEI, Festival Internacional de Expresión Ibérica. Teatro Nacional São João, Porto. 17 de xuño de 2016

 

 

 

 

Advertisements