Interrupted

A máquina inclemente

| Manuel Xestoso |

 

INTERRUPTED

 

Conciliación é unha bonita palabra que inventamos ao decatármonos de que o traballo ocupaba todo o noso espazo vital, ao advertir que a nosa vida persoal pasaba a ser un luxo que non nos podiamos permitir se queriamos sobrevivir nun ambiente laboral onde a ambición e a competencia gobernan as relacións persoais. Como xa abdicamos de cambiar a sociedade, creamos a fantasía de que conciliar é unha obriga que lle podiamos impoñer ás empresas e non un síntoma das concesións que lle facemos a un sistema monoteísta que só cre no beneficio.

A protagonista de Interrupted é vítima dese dogma que postula que todo o humano é unha debilidade. Que os afectos e os sentimentos son unha pexa para o triunfo, estorbos puerís que dificultan a entrada no ceo dos poderosos. E, non obstante, os sentimentos e os afectos son obstinados e insisten en aflixirnos e alegrarnos, coa conseguinte mingua das nosas capacidades competitivas. Un desengano amoroso, por exemplo, pode destruír a brillante carreira dunha executiva.

Esa moderna forma de escravitude (en realidade non tan moderna, xa o Chaplin de Tempos modernos –por non falar de Marx– avisaba sobre os perigos desa alienación) é descrita polas catro intérpretes da obra a través dun argumentario case tan coreográfico coma teatral. O protagonismo da xestualidade, o ritmo desenfreado, a precisión na coordinación… operan como unha metáfora desa inclemente maquinaria que nos conduce pola vida como se fósemos autómatas e que non nos permite tomar o control da nosa existencia.

A traxedia moderna, como avisou alguén, toma a aparencia de farsa, de pantomima entolecida. E introduce nela a dramática realidade de cada día. O rexistro de comedia permite unha distancia que subliña o ridículo de certos comportamentos e a infinidade de matices de cada unha das situacións posibilita que aceptemos o xiro final igual que aceptamos que as cousas sexan como son: accidentes, e non consecuencias dun réxime de conduta inhumano.

A obra é rápida: en pouco máis de unha hora é capaz de explicarnos estas contradicións ás que nos expoñemos e, ao mesmo tempo, de debuxar unha serie de personaxes imaxinarios dunha realidade moi cotiá. Non se trata de construír un friso social, pero o retrato dunha época asoma entre esa galería de caracteres pulcramente representados. Todo apunta a que é o contexto o que o transforma todo nun asunto terrible pero, ás veces, a circunstancia non nos permite ver a trampa que se agocha tras o que chamamos normalidade.

As actrices son excelentes e asumen a responsabilidade de que a historia se conte sen retórica, sen énfase e sen a falsa moralina das advertencias admonitorias. E a sorpresa que provocan a partir dunha simplicidade case inxenua multiplica o valor da proposta.

 

Interrupted de Teatro en Vilo
Dirección: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez.
Elenco: Ariana Cárdenas, Andrea Jiménez, Esther Ramos, Noemi Rodríguez.
Iluminación:  David Roldán e Germán Gundín

Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio municipal. 8 de xullo de 2016.

 

 

 

 

 

Advertisements