Pinocchio

A verdade é máis sórdida que a existencia

| Manuel Xestoso |

 

"Pinocchio" spectacle de Joël Pommerat scéno luz Eric Soyer Répétition au Téâtre de l'Odéon Cie Louis Brouillard 2008-03-07 Pierre-Yves Chapalain Jean Pierre Costanziello Florence Perrin Maya Vignando en alternance Daniel Dubois et Philippe Lehembre

 

“O máis importante é vivir na verdade” advirte ao principio do espectáculo o inquietante mestre de cerimonias que adopta o papel de Pepe Grilo, de conciencia. Mais a sociedade axiña impón a súa ambigüidade e desvela as dificultades de saber onde se atopa a verdade nun mundo onde un home debe vender o seu abrigo para que o seu fillo poida ir á escola ou onde a vítima dun roubo é condenada a catro meses de cárcere. A adaptación de Pinocchio de Joël Pommerat mergúllase nese lapso que hai entre o discurso e a realidade, nos vasos que comunican a inocencia e a crueldade.

O Pinocchio de Pommerat nace da pobreza do carpinteiro que lle dá forma. A súa rebelión, moldeada a base de impulsos primarios, parte do inxenuo rexeitamento desa verdade que o coloca no lado dos necesitados. Insiste en impugnar a súa condición humilde mesmo cando facelo pode ocasionarlle a morte. A miseria non admite redención e a lei de ferro do diñeiro sitúase por detrás desa viaxe iniciática que é todo proceso de aprendizaxe.

A montaxe diríxese a nós dende unha estética na que a intemporalidade e o contemporáneo se mesturan. Os sorprendentes xogos de luz e de son debuxan un escenario que apela ao inconsciente sen abandonar o lado máis sórdido da experiencia. Están aí a maxia e a poesía dos contos marabillosos, mais cuns tons sombríos que achegan a narración a un onirismo tenebroso: as sombras da morte e da sexualidade mórbida axexan en cada unha das escenas, propiciando un relato no que o inconsciente dos personaxes actúa como motor invisible dos comportamentos, sen que se perda ese fondo de melancolía agochado en todas as historias que falan da fin da inxenuidade.

“Pódese realmente cambiar na vida?” pregunta o mestre de cerimonias. A cuestión non resulta intranscendente cando cada descubrimento sobre a existencia é un acto de violencia que tende a domesticar o espírito libre que esixe vivir a vida en plenitude e, ao mesmo tempo, ensina que os desexos persoais deben harmonizarse cos dos nosos semellantes. Pinocchio amosa esa dupla fachada de todo encontro co real: a loita entre o principio de pracer e o principio de realidade leva inexorablemente a algún tipo de angustia. É posible, daquela, abandonar a inocencia sen exercer algún tipo de agresión contra nós mesmos, contra aquilo que intimamente nos constitúe? Está ligada a liberdade persoal á renuncia?

Pommerat coloca estas cuestións dun xeito amable para levarnos ata un final aparentemente feliz no que, porén, translocen a dor e o desalento. Non hai moral, senón a constatación de que a perda é unha condición innegociable para atopar unha verdade o suficientemente operativa como para poder instalarnos no mundo. Por esta vía de subxectivación, Pinocchio pode pensar a súa historia, atopar o pai que perdeu e conseguir unha vida verdadeiramente propia.

A vida, finalmente, aparece coma unha posibilidade sobre un dos mares máis fascinantes que teñamos visto sobre un escenario. É un efecto escénico que só simula o mar auténtico, sabémolo. Pero permítenos seguir abrazando a beleza do teatro, da existencia.

 

Pinocchio, baseado na obra de Carlo Collodi
Compañía: Louis Brouillard
Dirección: Joël Pommerat
Elenco: Anne Rotger, Daniel Dubois, Lorenzo Graouer, Maya Vignando, Pierre-Yves Chapalain.
Escenografía e iluminación: Eric Soyer
Vestiario: Marie-Hélène Bouvet
Música: Antonin Leymarie

Festival de Almada. Centro Cultural de Belem, 15 de xullo de 2016.

 

 

 

Advertisements