A gaivota

A busca dunha verdade

| Manuel Xestoso |

 

Gaivota09

 

“Precisamos novas formas”. A primeira vista, semella que ese é o centro de gravidade sobre o que xira a Gaivota de Oskaras Korsunovas. Pero hai que lembrar que quen enuncia esa frase, Kostia Treplev, remata recoñecendo que “o importante é que o home escriba sen pensar en forma ningunha, en que escriba porque o que escribe flúe libremente da súa alma”. E Korsunovas toma boa nota desa segunda declaración para que a preocupación formal non estorbe a comprensión duns personaxes esgazados interiormente, a exposición dos afectos que os condenan á incomunicación.

Quizais a tese podería resumirse así: o diñeiro move o mundo, pero son as paixóns as que moven ás persoas. O baleiro existencial dunha clase social aburrida de si mesma mantén todo o ardor e a enerxía vital grazas a que o desexo se mantén incólume. E dese conflito entre a vida social e a vida íntima xorde ese pathos que conduce aos personaxes á busca dunha existencia dotada dun significado.

A compañía indaga neses sentimentos contraditorios rompendo a cuarta parede, a aparencia de realidade. O teatro é unha convención á que se pregan os actores e o público e, xa que logo, poñer de manifesto o carácter lúdico dese exercicio colectivo crea a complicidade necesaria dende a que abordar a verdade dos personaxes. O xogo permanente entre actor e personaxe marca a cadencia da función. Ás veces vemos o actor e outras, o personaxe. Mais non existe o cinismo dalgunhas formas de teatro posdramático que enchen actualmente os escenarios (formas sobre as cales o elenco se permite algunha chanza durante a representación): trátase de sinalar o artificio sen resultar artificioso, de explicar que o teatro é unha mentira da que vai xurdir unha verdade que o excede. De que o espectador entenda que está aí para descubrir que hai de real no teatro e, polo tanto, na vida.

Nese sentido, quizais esta é unha das montaxes da Gaivota na que máis claramente se perciben os cambios emocionais que lle dan transcendencia á esperanza de salvación dos protagonistas da peza, sen por iso deixar de sinalar con precisión a medida en que os egos feridos poden gobernar os asuntos da arte, do amor, da convivencia. Tamén as paixóns se contaminan da comedia social na que se desenvolven. Tamén a vida se contamina dunhas actitudes teatrais que tenden a ocultar o real.

As novas formas que propón Korsunovas consisten precisamente en compartir co público esa vocación de sinceridade, en obrigalo a retornar ás formas básicas de observar o que sucede sobre un escenario. O teatro xa non é o que era: porque non estamos nun tempo en que se precisen grandes alardes escenográficos; porque talvez a nosa sociedade necesite con máis urxencia unha apropiada posta en escena dos seus sentimentos que lle permita esclarecer a súa verdadeira situación. E iso é o que esta versión da Gaivota ofrece: un retrato do ser humano que abala entre o intenso e a frivolidade, sen concesións ao idealismo, sen esquivar a crueza da circunstancia.

O que afecta aos personaxes afecta tamén aos actores e aos espectadores: non hai arte sen usuarios. Hai aí unha proposta de democracia teatral que abraia pola vehemencia con que nos atopamos cunhas verdades que descubrimos como se fose a primeira vez. E que nos invita a recuperar unha mirada fascinada sobre o teatro. E sobre nós mesmos.

 

A gaivota de Anton Chekhov
Dirección: Oskaras Koršunovas
Elenco: Nele Savicenko, Martynas Nedzinskas, Darius Meskauskas, Agnieska Ravdo, Kirilas Glusajevas, Airida Gintautaite, Rasa Samuolyte, Darius Gumauskas, Dainius Gavenonis, Giedrius Savickas
Escenografía: Oskaras Koršunovas
Iluminación: Eugenijus Sabaliauskas
Son/Música: Gintaras Sodeika
Vestiario: Dovile Gudaciauskaite

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 23 de xullo de 2016.

 

 

 

 

Advertisements