Tartufo

Autoengano e consolación

| Manuel Xestoso |

 

tartufo_escena22

 

Roland Barthes definía o teatro popular como aquel que cumpría tres esixencias: chegar regularmente a un público masivo, ofrecer un repertorio de alta cultura e practicar unha dramaturxia de vangarda. Quizais hoxe habería que redefinir algúns conceptos, pero a fórmula semella válida para establecer as bases dun teatro nacional ao servizo da cidadanía. De facto, foi a empregada por Jean Vilar no seu Teatro Nacional Popular e a que, en consecuencia, estabeleceu os alicerces teóricos na praxe de case todos os centros dramáticos nacionais que naceron a partir da segunda metade do século XX.

O Tartufo do Centro Dramático Galego parece querer acollerse a estes preceptos para romper cun período de parálise que ameazaba a súa propia existencia. Cáptase axiña a vontade de ampliar o público cun produto que non claudique ante o abertamente comercial e que mesmo brinde a posibilidade de achegar unha experiencia estética de certa substancia. Non é difícil que o logre: as dúas horas de función non só non pesan, senón que logran arrincar do público moitas risas e sinais de complicidade.

Gran parte do mérito é do elenco: malia algún evidente erro de casting, son as actrices e os actores os que lles outorgan máis profundidade que aparencia a uns personaxes que amosan aquí unha ambigüidade que os enriquece. Afastando o tema relixioso do centro de atención, as cuestións sobre a verdadeira identidade do hipócrita e sobre a pretendida inxenuidade dos que se deixan enganar por el emerxen cunha notoriedade que eleva a comedia para propoñer unha cuestión de relevancia: é probable que tanto a hipocrisía como a compracencia no autoengano non sexan máis que ferramentas coas que enfrontarse a unha realidade cuxa verdade última aparece como inaprensible.

Nunha época na que o relativismo moral e o tacticismo se confunden, non é difícil, por exemplo, considerar que a súbita devoción de Orgón supoña tamén a coartada perfecta para consolidar o seu xeito tiránico de exercer o poder no ámbito doméstico (e, neste sentido, a decisión de cambiar de sexo algún personaxe para que a casa se transforme nunha especie de serrallo resulta moi acertada). Como non é superfluo preguntarse se o oportunismo do propio Tartufo non responde máis a unha espontánea resposta de adaptación á circunstancia que a unha estratexia establecida de intervención no curso dos acontecementos.

A mestura de arquetipos herdados da commedia dell’arte e de caracteres complexamente debuxados converte a Molière nun desafío difícil para os comediantes, mais o reto resólvese aquí traballando esa duplicidade das personaxes e conferíndolles, así, un relevo que, en ocasións, alcanza un notable nivel de sutileza e perspicacia.

Ata aquí, o CDG cumpre con convicción co seu propósito. Porén, todo ese traballo non se acompaña dunha lectura da obra que se someta á obriga da “dramaturxia de vangarda” pola que suspiraba Barthes. Alén dun certo conformismo con solucións escénicas rutineiras que non se compadecen co esforzo actoral, existe un outro conformismo máis preocupante que conduce este Tartufo cara a unha interpretación que linda perigosamente co reaccionario. O final ideado por Carles Alfaro inclínase por un idealismo consolador que apela aos valores morais dos desposuídos como “compensación” que equilibra os atropelos derivados da manipulación dos poderosos. No fondo, unha resignación desmobilizadora que nega a posibilidade do cambio e da emancipación.

Resulta paradoxal que ese autoengano consolador sobre o que se nos invita a reflexionar acabe operando como motor dunha función que permitiría outras interpretacións máis audaces. A obra orixinal apelaba á autoridade real de Luís XIV como instancia niveladora que evitaba a inxustiza. As representacións da obra durante a Revolución Francesa, utilizaban a Declaración dos Dereitos do Home como ese deus ex machina xusticieiro que evitaba o triunfo da impostura. Talvez hoxe deberiamos ver ao señor Leal emulando a aquel bombeiro da Coruña que, negándose a acatar unha resolución xudicial, evitou o desaloxo dunha anciá do seu domicilio da Coruña.

Pero esa sería outra historia.

 

Tartufo de Jean-Baptiste Poquelin, Molière
Dirección: Carles Alfaro
Produción: Centro Dramático Galego
Elenco: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá, Patricia Torres.
Escenografía: Baltasar Patiño
Vestiario: Diego Valeiras
Iluminación: Carles Alfaro
Música orixinal: Anxo Graña
Caracterización: Trini F. Silva
Tradución: Loli Ramos
Asesoramento lingüístico: Roi V. Ponte
Asistencia de dirección: Vanesa Sotelo

Estrea no Salón Teatro, Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016. 

 

 

 

 

 

 

Advertisements