Get Back

Nin subir nin baixar

| Roi Vidal Ponte |

 

getback

 

Que fan cinco galegos encerrados nun metro de Londres? Esta idea de Camilo Franco toma corpo co guión escénico de Diego Ameixeiras e a dirección de Jorge Coira. A procedencia cinematográfica de dramaturgo (que ademais de recoñecido novelista traballa como guionista audiovisual) e director (o firmante da esplendidamente realista 18 comidas) poderían facer pensar nunha hibridaxe teatro-cinema que enriquecese unha vez máis as nosas táboas desde unha arte irmá mais cunha linguaxe radicalmente diferente. Porén, eles preferiron renunciar a calquera tipo de técnica que se asemelle á montaxe e asumir as convencións do teatro máis clásico: un único lugar, unha temporalidade case en plano secuencia e a única acción de os personaxes pasaren o tempo conversando mentres os liberan do vagón parado.

O vagón de metro está profusamente representado cunha escenografía de moita horizontalidade acompañada por un xogo lumínico e audiovisual que crea unha sensación de dinamismo moi lograda… até que o vagón detén a súa marcha e a cousa se estanca. O director utiliza os barrotes do vagón axeitadamente para separar e encadrar as diferentes configuracións dos personaxes. E eis o único indicio de reminiscencia da linguaxe audiovisual. Iso e a escena que, a xeito de entremés, divide os dous actos da peza por medio dunha coreografía muda que lembra a un videoclip, algo moi utilizado no cinema contemporáneo para comentar o argumento dunha forma estritamente visual, e que neste caso é do máis teatral, cinematográfico e interesante da proposta artística de Coira.

O drama que acontece fóra só incide na situación de maneira moi tanxencial e a historia, cuxo inicio pintaba atractivo, acaba por se reducir a unha galería de personaxes xa vistos. Están os maduros, ela de ‘boa vida’ (Merce Castro cunha interpretación da que goza a risco de caer na caricatura) e el (elegante e sobrio Afonso Agra) metido en negocios e fracasos. Están os novos, cunha tensión sexual cómica que tapa o seus problemas laborais (Tamara Canosa esfórzase por ser rebelde e Federico Pérez imita efectiva pero innecesariamente o típico pánfilo norteamericano cheo de tics nerviosos) e logo está o raro, o elemento discordante que constitúe o personaxe inglés (Miguel Guido, naif) que fala brasileiro e achega unha visión non galega á que se lle podería ter sacado máis partido como punto de vista deslocalizado.

É posible que o texto estea tan apegado á realidade cotiá máis rabiosamente actual, con alusións ao terrorismo islámico ou ao brexit, que por momentos esqueza certa perspectiva. Os diálogos aséntanse nos mesmos tópicos que as conversas de bar ou que unha copia sintetizada das conversas de bar. Hai gracias enxeñosas coas que rimos agradecidas. Mais logo do riso case non queda nada. Nin sequera o silencio. Porque a dirección renunciou ao tempo dramático e deixouse levar, unha vez máis, polas ditaduras da presa e da comedia, convencida de que iso faría o produto máis comercial. Mais o certo é que o exceso de silencios usurpados non deixa tempo para afondarmos nos pequenos dramas individuais, que se presentan algo forzados, e fai que o elenco surfee sobre os conflitos para pasar directamente á narración.

Efectivamente a comedia funciona. A xente ri e así e os problemas parecen menos problemáticos. Mais o que se consegue é converter a análise en divertimento, o profundo en superficial e o underground en trendy. E constatar que por moi boa que sexa unha idea como punto de partida sempre pode ficar atrancada pola vía do suicidio.

 

Get Back de Eme2 producións
Director: Jorge Coira
Texto: Diego Ameixeiras
Idea orixinal: Camilo Franco
Elenco: Afonso Agra, Federico Pérez, Tamara Canosa, Miguel Guido e Mercedes Castro
Axudante de dirección Victor Duplá
Música: Anxo Graña

Auditorio Municipal de Vigo, 7 de outubro de 2016.

 

 

 

 

 

 

Advertisements