Helena, xuízo a unha lurpia

Helena, a gran raíña dos teatros

| Inma López Silva |

 

_mg_0897

 

A última produción de Teatro do Atlántico, Helena, xuízo a unha lurpia, é un excelente monólogo escrito por Miguel del Arco. No 2011 o propio autor púxoo en escena, interpetado por Carmen Machi, e colleitou o éxito na súa première no Festival de Teatro Clásico de Mérida; desde aquela, percorre España sementando aplausos e premios. O texto propón á actriz que o encare un reto difícil: fala Helena de Troia para desmontar de viva voz o seu propio mito, pero o seu discurso oscila entre o ton grandilocuente dunha raíña da Antigüidade e o ton confesional de quen fala hoxe desde un limbo no que está tras perdelo todo. Esta Helena é unha sorte de borracha feminista, disposta a render contas co pasado e co presente desde un repaso á súa vida no que posmoderniza e por momentos deconstrúe a visión tradicional do mundo clásico.

Con esta peza, Xulio Lago regresa ao teatro de mulleres no que espreme o zume interpretativo de María Barcala ata as últimas consecuencias. Neste caso, opta por unha situación comedida a través dunha dirección que prioriza a intimidade cun espectador que debe pactar coa escena que, máis ca ao xuízo do título, asiste a unha confesión do que é interlocutor privilexiado. Velaí onde Lago sitúa a peza e onde logra esvaecer aparentemente a súa man para deixar paso á actriz. María Barcala é protagonista absoluta deste Xuízo a unha lurpia non só pola súa soidade escénica, senón pola forza que logra outorgar a un texto que, desde o literario, depende absolutamente da actriz para ser comprendido en escena en todas as súas dimensións. Porque a obra non fala só do mito, senón (e aí está o seu interese) da memoria, da guerra, da hipocrisía coa que ollamos e contamos a nosa propia Historia. Rabiosa actualidade. E porén, no teatro, esta espectadora deixa todo iso en suspenso, como pano de fondo dunha certa sensación de privilexio ante María Barcala, que nos convence de que, efectivamente, esta Helena é todo iso; de que por ese corpo e esa mirada que sostén retando ao público coma as raíñas, pasan os tempos e as ideas que van desde un momento indeterminado de hai máis de vinte e cinco séculos á actualidade.

Non quixera pasar por alto o espazo escénico no que discorre a obra, deseñado por Antonio F. Simón desde a idea dun non lugar cunha vaga alusión á Grecia antiga e mais desde unha conceptualización limpa e fluída na que non só destaca a actriz vestida de vermello (todo nesta obra é e debe ser a actriz), senón tamén o factor simbólico da paradoxal pureza de Helena de Troia que se converte, por extensión e discurso, na paradoxal pureza de todas as mulleres.

Helena, xuízo a unha lurpia é un espectáculo que desvela o ADN de Teatro do Atlántico, esa sinxeleza con carga de profundidade que tan ben sabe xestionar sempre Xulio Lago. É, ademais, unha produción valente que reivindica moito do que non somos pero deberiamos ser. Máis que recomendábel, especialmente para educarnos a nós a mesmos e a eses mozos e mozas aos que a cultura clásica e a formación en Humanidades esquiva coma se fosen o demo.

 

Helena, xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco
Compañía: Teatro do Atlántico
Dirección: Xulio Lago
Intérprete: María Barcala
Escenografía: Antonio F. Simón
Iluminación: Xulio Lago
Vestiario: Susa Porto

Estrea no Pazo da Cultura de Narón. 7 de outubro de 2016.

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements