Um punhado de terra

Alén do odio um punhado de terra

| Afonso Becerra de Becerreá |

 

umpunhadodeterra

Foto: Marcos Montelo

 

Ás veces, no teatro, prodúcese unha incandescencia enriba do palco, que nos engaiola, como se fose unha lareira. De súpeto a actuación convértese nun alumear que parte da sinxeleza de elementos materiais, físicos, e tan antergos como pode ser o corpo humano, a súa voz, o seu movemento, un chan de táboas ou de terra…

A Sala Ingrávida do Porriño, o sábado 14 de xaneiro de 2017, ofreceunos Um punhado de terra de Pedro Eiras, polo Teatro Art’ Imagem (A Maia. Portugal), con dirección escénica de José Leitão.

Un espectáculo no que sucumbimos ao feitizo dunha danza contida e agochada na actuación de Flávio Hamilton. Unha danza secreta que garda un lume ben canalizado sobre a terra e a auga das pozas do palco. Porque así era o espazo escénico: un chan de terra, con varias pozas, o actor, a luz e o texto.

Flávio, o actor, traballa desde un emprego marcadamente extracotiá do corpo, sempre xogando con diversas amplitudes no desprazamento do eixo de equilibrio. De tal xeito, o seu estar nunca é parado ou estático, nunca se descarga de movemento e de enerxía, aínda que, por momentos, sexa case imperceptible ou abertamente ostensible.

Por outra banda, o texto, nunha articulación converxente, sen que a actuación o ilustre, fai aparecer unha voz que impreca, que describe, que expón sucesos e paisaxes que case poderían parecer o relato dos peores pesadelos.

Pedro Eiras, o autor, sinala: “É muito tarde, tarde de mais, mas ainda podemos ouvir estes pés negros que chegam da escuridão, tacteiam a terra, a medo, esta voz que chama pelo seu deus e tem uma história a contar e um pedido a fazer, ainda vamos a tempo de – pelo menos – contar outra vez a história que nunca foi contada, que foi sempre transformada en marcha militar, datas, mapa, quando muito desculpas tingidas de má-fé, contar, ouvir. Essa voz, ouço-a há muito tempo. Um dia, escrevi o que ela dizia. Por palavras minhas. Era um punhado de terra amarga, que eu devia comer. É tarde, tarde de mais, mas ainda podemos ouvir, ainda é cedo.”

Teatro da memoria histórica usurpada tamén polos que, ademais de colonizar, escribiron a historia canónica?

Nunca é tarde para restituír aspectos e capítulos agochados. Nunca é tarde para achegarse ao acto de xustiza de recuperar a historia dos vencidos, dos escravos, dos sen voz. A primeira obra conservada da civilización occidental, Os persas (472 a. C.) de Esquilo, intenta, precisamente, algo así cando dá voz aos vencidos na Batalla de Salamina. Non obstante, en Um punhado de terra de Pedro Eiras a voz do escravo, que nos interpela, non é a voz dun guerreiro militar vencido nunha batalla, senón a de alguén que en ningún caso elixiu a contenda nin o poder sobre outros.

Só a memoria, ademais de conferirnos identidade, pode salvarnos de repetir os mesmos erros. Sobre todo cando esa memoria se asume desde a reflexión e unha certa implicación emotiva. O palco escénico é, quizais, o ámbito máis idóneo para conxunción: contribúe a crear identidade (conciencia) colectiva e faino desde unha implicación afectiva, non necesariamente exenta de razón.

Pedro Eiras adverte, no programa de man do espectáculo de Teatro Art’ Imagem: “Practicamente todos os factos que descrevo neste monólogo são verídicos; junto-os, mesmo se não aconteceram todos no mesmo século. […] Um monólogo pede um trabalho de ritmos, tessituras, um fluxo de ideias e imagens. Sem sacrificar essas regras, e sem esquecer a exigência ética que em primeiro lugar me levou a escrever, procurei que este texto fosse o mais possível próximo dos factos registados. Apresentar os ecos que sobreviveram até nós e ser o menos possível – ou mesmo nada – enquanto dramaturgo.”

Un texto antidramático, moi narrativo, cheo de imaxes perturbadoras e terribles, nas que se lle dá voz a un escravo, a un colonizado brutalmente. Porén, a personaxe e a súa historia permanecen no texto, evocados para a nosa imaxinación. Na escena só hai realidade: un actor cun movemento calibradísimo, que non cesa nin na aparente quietude, que non ilustra nin redunda o que o texto expresa, terra fresca no chan e pozas de auga real. Un escenario posdramático, porque afirma a realidade, na súa fisicalidade e na súa materialidade (terra, auga, o actor e o seu movemento), para un texto antidramático. A emoción e o pensamento poñémolo nós, as espectadoras e os espectadores.

Chamoume poderosamente a atención que en ningún momento aparecese unha actitude vinculada ao odio, nunha historia que nos remite a alguén escravizado e torturado. Hai abraio, hai alerta, hai tristura, hai furia, hai tenrura, incluso unha especie de maldición ritual ao final… pero non hai odio arrasador.

Non hai odio porque o personaxe evocado é un supervivente, e para sobrevivir o odio é contraproducente. O odio cébase, sobre todo, con quen odia e acaba por resultar autoaniquilante. Velaí a sabedoría e a dignidade de quen leva os pés nus sobre a terra fresca e, aínda así, é lume. O lume humano que activa o corpo e asoma polas xanelas dos ollos, ese lume da lareira.

 

Um punhado de terra de Pedro Eiras

Dirección escénica: José Leitão
Interpretación: Flávio Hamilton
Deseño de luz: Leunam Ordep
Espazo escénico: José Leitão e José Lopes
Produción: Jorge Mendo e Carina Moutinho

Sala Ingrávida, Porriño. Sábado 14 de xaneiro de 2017.

 

 

 

 

 

Advertisements