Resaca

Teatro líquido

| Manuel Xestoso |

 

resaca

Foto: Aitor Uve

 

En Perplexo, a penúltima montaxe de ilMaquinario, filtrábase o pensamento de Zygmunt Bauman como sustento da idea de que o individuo contemporáneo perdeu os vínculos que o vencellaban coa sociedade e coas súas orixes. Os conceptos emanados do capitalismo globalizador –mobilidade, emprendemento, flexibilidade– conducen a un individualismo curtopracista que desemboca en desorientación e abraio. Perplexo reflectía con lucidez sobre os efectos de asumir os parámetros impostos por un sistema que privatiza o sentido e que despoxa de instrumentos de análise crítica á cidadanía.

En Resaca, a referencia a Bauman declárase expresamente dende o principio, tomando como referencia a súa obra Amor líquido: a modernidade líquida é unha continuación desorganizada da modernidade, onde as posicións sociais cambian de xeito fluído, de modo que os individuos vagan por diferentes identidades, valores e inclinacións, deambulando por elas segundo as tendencias do consumismo.

Quizais esta última parte –a que ten que ver coas tendencias do consumismo– é a que marca o ton deste espectáculo: hai unha renuncia á identidade creada nas anteriores montaxes da compañía en beneficio diso que se deu en chamar posdrama , e a forza do argumento se ve menoscabada polo discurso que o defende. Todos os tópicos destes exercicios supostamente posdramáticos están presentes nunha función que, como consecuencia, perde gran parte da personalidade que ilMaquinario lograba transferirlle aos seus traballos.

Talvez a clave está en que se acepta un código que é, precisamente, o imposto polo sistema que se critica e que ten a ver co que poderiamos chamar efecto zapping: unha sucesión de saltos sen rumbo aparente que levan a surfear por moitas superficies sen afondar en ningunha. Unha fragmentación do existente que pon todo ao mesmo nivel e onde todo pode cohabitar con todo sen prestar atención as contradicións –dende as decisións de alta política ata Naranjito– opera creando realidade onde só existe simulacro. E –os peores presaxios de Baudrillard parecen materializarse– xera un exemplo de uso ilusorio da liberdade: existe liberdade para observar o que outros fan pero non para dotar de intención os nosos actos.

O que diferencia Resaca doutros ensaios escénicos que xogan con esta fórmula é que ilMaquinario conta coa intelixencia e a vocación política suficientes para implicar ao espectador no que están contando. O xogo creado entre ficción e realidade apela ao discernimento do público para que se sitúe nunha posición crítica a respecto do que se narra, aínda que o relato quede sempre do lado da ambigüidade.

Hai momentos de gran lucidez que mesmo chegan a rebordar o pensamento de Bauman, o suposto inspirador da peza: a escena en que un personaxe masculino lle suplica atención á súa parella demostra que as formas de amar non cambiaron tanto pola renuncia aos vínculos afectivos estables como pola emancipación da muller, que sitúa nun plano de maior igualdade aos participantes nas relacións sentimentais. Cando as cousas se poñen interesantes non parece moi intelixente aplicar o discurso nostálxico –“antes amábase mellor”– sen contar coa opinión da parte que gañou en liberdade de elección: a feminina.

De igual xeito, unha anécdota case banal sobre as ameazas veladas dun cacique de aldea ilustra a miseria dunha sociedade que segue a rexerse pola covardía e polo medo a enfrontarse co poder establecido.

Achádegos coma estes e o talento dos integrantes da compañía confirman que ilMaquinario segue sendo unha referencia inescusable para valorar a evolución do teatro galego. Mais queda a sensación de que a sintaxe escollida e o exceso de ambición aboca a un espectáculo sen argumento –ou a un argumento arbitrario– que lle resta coherencia á mensaxe e consistencia á intención. De que a crítica se reduce a un comentario irónico no que o baleiro despraza o propósito moral e o entretemento substitúe ao verdadeiro teatro político que se persegue.

 

Resaca de ilMaquinario

Dirección: Tito Asorey
Elenco: Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vazdim Yukhnevich
Dramaturxia: Ana Carreira e Tito Asorey
Textos: Tito Asorey, Ana Carreira, Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez, María Peinado, Vadim Yuknevich
Axudante de dirección: María Peinado
Iluminación: José Manuel Faro ‘Coti’
Deseño de Escenografía: Montse Piñeiro, Laura Iturralde
Vestiario: Yaiza Pinillos
Dirección musical: Vadim Yuknevich
Música en directo: Vadim Yuknevich, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Laura Míguez
Fotografía e Vídeo: Aitor Uve
Deseño gráfico: José Lameiras
Distribución: Carlos Martínez Carbonell (Crémilo)

Auditorio Municipal de Ourense. 27 de xaneiro de 2017.

 

 

 

 

 

Advertisements