Nominados aos premios María Casares

O tolleito de Inishmaan e Eroski Paraíso, favoritos

 

As obras que acaparan maior número de nomeacións son ‘O tolleito de Inishmaan’, de Contraproducións e FIOT Carballo, que aspira a 11 galardóns, e ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, que opta a 8. Pola súa banda, ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro, e ‘Voaxa e carmín’, de ButacaZero, optan a 5 María Casares.

 

mariacasares2017

Todos os nominados e nominadas destes XXI Premios María Casares. Foto: LaDiapo / AAAG.

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os/as nomeados/as aos XXI Premios María Casares, a gran festa do teatro cuxa gala se celebrará o próximo 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os espectáculos finalistas nas catorce categorías coas que contan os Premios déronse a coñecer na Festa dos Nomeados/as, deste 2017. O Salón Teatro de Santiago acolleu esta tarde o acto, presentado pola actriz e vogal da entidade Nieves Rodríguez, ao que acudiron a maior parte dos/as profesionais finalistas deste 2017. Rodríguez, na súa presentación, destacou que durante a inscrición aos premios un total de 44 espectáculos e ao redor de 400 profesionais, presentaron as súas candidaturas, sendo as cifras rexistradas máis altas ao longo da historia dos María Casares.

O tolleito de Inishmann, coprodución de Contraproducións e o FIOT Carballo, converteuse neste 2017 na produción con maior número de finalistas ao obter un total de 11 nomeacións. Pola súa banda, Eroski Paraíso, de Chévere, aspira a 8 galardóns. Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero, optan a 5 premios. As tres primeira disputaranse os apartados ao mellor espectáculo e dirección.

Un total de 13 espectáculos acadaron algunha nomeación nos catorce apartados nos que se dividen os premios María Casares: maquillaxe, vestiario, iluminación, música orixinal, adaptación-tradución, texto orixinal, escenografía, actriz secundaria, actor secundario, actriz protagonista, actor protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil. Esta é a lista dos candidatos segundo o número de nominacións:

O tolleito de Inishmaan (11): espectáculo, dirección (Cándido Pazó), actor protagonista (Santi Romay), actriz secundaria (por partida dupla: Susana Dans e María Roja), actor secundario (Evaristo Calvo), adaptación/tradución, escenografía, maquillaxe, vestiario e iluminación.

Eroski Paraíso (8): espectáculo, dirección (Xesús Ron), actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), actor protagonista (Miguel de Lira), actriz secundaria (Cristina Iglesias), texto orixinal, iluminación e música orixinal.

Raclette (5): espectáculo, dirección (Santiago Cortegoso), actor secundario (por partida dupla: Toni Salgado e Salvador del Río) e texto orixinal.

Voaxa e Carmín (5): actriz protagonista (por partida dupla: Mabel Rivera e Belén Constenla), texto orixinal, maquillaxe e vestiario.

Foucellas (3): escenografía, iluminación e música orixinal.

A nena que quería navegar (2): espectáculo infantil e vestiario.

Os amores de Jaques o fatalista (2): adaptación/tradución e música orixinal.

Tartufo (1): actor protagonista (César Cambeiro).

Xurdefet (Jour de Fête) (1): adaptación/tradución.

Pavillón Lino (1): espectáculo infantil.

Get back (1): escenografía.

Danza da choiva (1): espectáculo infantil.

Os Rockenstein (1): maquillaxe

 

 

 

 

 

Advertisements