A cabeza do dragón

Outro Valle é posible

| Manuel Xestoso |

 

Foto: Natasha Lelenco

 

A clave, talvez, resida na escolla: elixir A cabeza do dragón como primeira obra de Valle Inclán representada en galego resulta tamén un manifesto. Valle nunca se librou dunha lectura casticista que, dalgún xeito, rebaixa a súa obra ao nivel do costumismo do que sempre fuxiu. Adoita esperpentizarse o esperpento dende un código situado a medio camiño entre a zarzuela e o drama rural: unha lectura que dilúe o contributo estilístico e político do autor e que pretende afastalo das súas raíces culturais para asimilalo á tradición do rexeneracionismo español. Pero Cadaval demóstrao: outro Valle é posible.

Con A cabeza do dragón é máis difícil eludir a vocación estética de Valle. É máis complicado esquivar a sátira deformante que posteriormente se transformará no esperpento e é case imposible ignorar a ironía amarga que o leva a “profanar” un conto marabilloso para convertelo en comentario social sobre o seu tempo. A obra está a medio camiño entre o modernismo esteticista –que o propio autor xa superara– e a parodia na que o discurso político se reconverte en carnaval. E nese territorio fronteirizo, crea un universo no que o fantástico e o fatalmente realista se superpoñen para anularse reciprocamente.

A montaxe de Quico Cadaval entra nesa terra de ninguén seguindo os propios pasos de Valle: adoptando a hipérbole como modelo. A clave do exceso non lle resulta allea ao director e, nesta ocasión, outórgalle vida a un texto que precisa máis de acción que de prosodia para chegar ao espectador. O requintado dunha linguaxe que oscila entre o exquisito e a inversión burlesca esixe que sexa a acción a que o lexitime: subliñar a súa artificiosidade sería sobrecargalo e neutralizar a beleza que pode desprenderse da mestura do cultismo co choqueiro, do musical co festeiro. Inclinar a función cara á pantomima e á farsa, pola contra, axuda a resaltar a teatralidade da narración e a fixar a atención sobre a subversión do xénero e das convencións.

Esa teatralidade está presente tamén na autoconciencia que asoma dende o texto –a reflexión metateatral está presente nos actores e bufóns que aparecen na obra e nos personaxes que, coma o protagonista, exercen como tales– e que Cadaval explota en beneficio do acontecemento: a súa propia presenza na escena, metamorfoseado en sosias do autor, opera como recordatorio de que estamos ante o primeiro Valle en galego. Non é un argumento teatral de peso, pero si ten relevancia cultural acabar cunha de tantas anomalías que padece a lingua.

Por veces, a función cae nunha certa desorde precisamente por ese empeño en resaltar a parte máis festiva, en subliñar a malicia e o espírito anárquico cos que Valle desacredita o idealismo dos contos de fadas: quizais o autor non vese con malos ollos esa irrupción da retranca no delicado mundo da fábula, quizais non sexa senón unha continuación coherente da súa proposta. Hai un vitalismo que converte a confusión en risa e que, aínda así, logra filtrar un sentimento de turbidez nunha trama só en aparencia inocente.

Do lado da modernidade ben entendida –a da época do propio autor, a que cuestiona a deriva das sociedades industriais xurdidas da Ilustración– cae a interpretación das didascalias, a partitura de Javier María López, a apelación á complicidade do espectador. E o conxunto consegue que o formidablemente complexo mundo de Valle se adapte a un molde de humor popular que o público acepta e recoñece como propio, entendendo que o que se edulcora é, en realidade, un trago de cicuta.

 

A cabeza do dragón de Ramón del Valle-Inclán

Dirección e dramaturxia: Quico Cadaval
Elenco: Quico Cadaval, María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez
Espazo escénico e Iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario e Deseño gráfico: Suso Montero
Musica orixinal: Javier María López
Músicos do taller Atlántico Contemporáneo: Luís Soto, Saúl Canosa, Alfredo Varela, José Vicente Faus, Nicasio Gradaille, Xaquín Carro Cribeiro, Álvaro Quintanilla
Coreografía: Iván Marcos

Estrea no Teatro Principal de Santiago de Compostela. 3 de marzo de 2017.

 

Advertisements