Dobre primavera na erregueté

A revista prepara para este mes de abril a saída dos seus números 89 e 90

 

O primeiro Valle-Inclán profesional en galego, a última produción de Voadora, o esperpento silenciado xamais contado, a sempre polémica Escenas do Cambio, a defunción asistida do festival Alt… Múltiples e diversos foron os feitos que percorreron o inverno das artes escénicas desde a saída do último número da erregueté ata esta primavera 2017. Entre esperas e expectativas, a mediados de abril pechamos o ciclo 2016-2017 coa chegada da erregueté 89 correspondente ao inverno de 2016 e iniciamos primavera coa saída erregueté 90.

Aproveitando este adianto de contidos dos números 89 e 90, desde a erregueté queremos incitar á visita da sección de crítica. Nela pódense consultar xa as reseñas incluídas nos dous números.

Dedicada a FORMATOS DE PRODUCIÓN, a erregueté 89 conta con traballos das compañías Ibuprofeno, Chévere, Voadora e Eme2. Estreamos a sección PROSCENIO coa reportaxe sobre o proceso de selección do CDG, cuxa produción se estrea o vindeiro 20 de abril. En ESCENA ABERTA destacamos a presenza da danza no II Mulleres Creando e entrevistamos a compañía Lagartijas tiradas al sol co gallo do seu paso polo FITO. O número achega unha nova peza de dramaturxia contemporánea, Winnie son eu, de María Armesto: un texto a través do que sentir a Beckett respirando a forza e o humor singular da autora.

A erregueté 90 centra a súa atención na “querela do posdrama” e as reflexións xurdidas durante as Xornadas de Dramaturxia “Dramaturxente”. PROSCENIO recolle as reaccións da Asociación de Festivais de Artes Escénicas ás declaracións do director de Escenas do Cambio na erregueté 88, abrindo un debate sobre a xestión cultural pública. Mantemos unha conversa con Roberto Taboada con motivo da desaparición do ALT de Vigo despois de 16 edicións. E temos o pracer de achegarnos unha vez máis á creación escénica en lingua portuguesa da man de Joana Craveiro con Bairro das Ex-Colónias e de Jorge Palinhos con D’Abalada: dous textos sobre os movementos migratorios, cuestión que en Galicia non resulta allea.

Grazas uha vez máis a todas as persoas que ledes, escribides, seguides e alentades a erregueté. A revista non estaba invernando, estaba collendo forzas para seguir aí un ano máis.

 

Advertisements