O soño dunha noite de verán

Retorno ao paganismo

| Manuel Xestoso |

 

Foto: Tamara de la Fuente

Superar a división entre mente e corpo leva a deixar paso ao desexo na configuración da identidade e aí comezan os retos. A moral kantiana que esboza un suxeito autocontrolado e desvinculado das emocións ofrece un modelo que non dá resposta ás aspiracións dunha sociedade que sospeita, foucaultianamente, que a identificación entre sexo e xénero é unha estratexia do poder. E, daquela, a reivindicación do corpo convértese nun proxecto emancipador. O soño dunha noite de verán, coa súa erótica e a súa dialéctica entre a loucura amorosa e a censura moral é un texto que se presta a unha lectura liberadora. A “noite de verán” á que se refire Shakespeare é a noite de San Xoán, unha celebración pagá asimilada polo cristianismo: Voadora, coa axuda de Marcos Layera, aproveita a oportunidade para devolverlle o paganismo á obra.

A tradición máxica desa noite é a baza xogada polo autor para amosarnos un mundo nocturno onde se mesturan deuses e mortais, ricos e pobres. Un mundo onde todo o licencioso ten cabida e onde, daquela, a subversión da orde estabelecida opera como motor dunha intriga na que é posible liberarse das prohibicións e os tabús e abandonarse aos chamados do inconsciente. O caldo de cultivo propicio para construír unha versión que mesture o vello tópico da inconstancia do amor con inquietudes máis contemporáneas.

A montaxe de Voadora, como cabía esperar deles, cae do lado da provocación amable, do lado dun desafío cordial que non renuncia á estética pop para colocar a súa mensaxe retadora. E a frescura irreverente con que abordan o clásico posúe todos os inconvenientes e todas as virtudes que se espera desa insolencia que lle dá o seu selo persoal á compañía.

Entre os inconvenientes está, principalmente, a pouca atención prestada á narrativa, a presuposición de que o público xa sabe o que lle queren contar e que, daquela, non é preciso fiar unha trama que o axude a percorrer as diferentes estacións dun relato que, neste caso, é particularmente complexo e cheo de sutilezas non sempre doadas de advertir. O resultado é unha historia que debe conformarse con ser unha simple evocación do orixinal e que renuncia a moitos matices que a axudarían na intención. A este obstáculo engádense esta vez defectos de dicción e declamación que dificultan moito a comprensión do texto e que fan que o texto de Shakespeare / Layera pase a un segundo plano, á condición de mero pretexto.

Entre as virtudes, está a facilidade con que os de Voadora conxugan valores plásticos e musicais para crear unha iconografía de grande orixinalidade que ilustra con determinación a argumentación manexados. En realidade, o tema da relación entre identidade e xénero desenvólvese máis a través dunha serie de cadros que da propia historia. E aí, Voadora si é capaz de xerar un ton acorde co da obra orixinal, aínda escollendo unha estética colorista que dista moito das clásicas recreacións do bosque e o palacio como símbolos da liberación e a represión sexual, respectivamente.

Non se trata só dun esteticismo máis ou menos ben levado: hai unha moral escénica de “paraíso perdido” –ou tal vez, de paraíso recuperado– coa que a compañía domina e conduce o discurso sobre o xénero ao territorio da obra de Shakespeare. Esa habilidade para levantar un espectáculo a partir de ideas visuais gañaría profundidade se a preocupación polos personaxes e o argumento non esvaecese no terreo da anécdota.

Mais toda a ambición cabe nun final no que un estoupido de realidade lle disputa a preeminencia á obra e remata o traballo de recreación dun soño que loita por materializarse con tanta intensidade como, quizais, o facía na mente do autor.

O soño dunha noite de verán de William Shakespeare
Dirección: Marta Pazos
Adaptación: Marco Layera
Tradución: Manuel Cortés
Elenco: Diego Anido, Areta Bolado, José Díaz, Borfja Fernández, París Lakryma, Janet Novás, Andrea Quintana, Anaël Snoek, Hugo Torres
Movemento: Alexis Fernández “Maca”
Iluminación: Rui Monteiro
Escenografía: Marta Pazos
Vestiario: Fanny Bello
Sonoplastia: David Rodríguez
Música: José Díaz e Hugo Torre
Imaxe: CoRTarcabezas Collages
Atrezzo: Olalla Tesouro
Xastra: María Villas con Maravillas Atelier
Deseño uniformes rosas: Melania Freire
Fotografía: Tamara de la Fuente
Axudante dirección: Gena Baamonde
Produción: José Díaz

Coliseo Noela, Noia. 7 de marzo de 2017.

Advertisements