Hoxe comeza Galicia Escena Pro

Galicia Escena Pro comeza hoxe e dende a erregueté pedímoslle a AGADIC que nos fixese un resumo do que poderemos ver nestes próximos catro días. O texto que segue tenta responder a esta pregunta e anuncia unhas xornadas nas que 17 producións galegas e 2 de Castela e León competiran pola atención dos asistentes. Ademais, nas sesións en formato ‘pitching’, outras 10 compañías ofreceranlles aos programadores asistentes un avance dos seus próximos proxectos.

 


 

| Agadic | Por cuarto ano consecutivo, os profesionais do sector escénico galego e do resto da Península Ibérica están convocados a participar en Galicia Escena PRO, que desenvolve a súa nova edición do 12 ao 15 de xuño en Santiago de Compostela. Catro espazos da cidade –Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal– repiten como sedes do evento, que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

De novo, a prioridade deste mercado das artes escénicas é ofrecerlles a compañías e xestores culturais un espazo propicio para o intercambio artístico e comercial, que teña o seu reflexo nun impulso da contratación de espectáculos galegos por parte dos teatros, auditorios, salas e festivais presentes nesta cita. Ao tempo, Galicia Escena PRO é unha excelente plataforma para reforzar a visibilidade social deste sector mediante un intenso programa especializado que, durante catro xornadas, porá nel o foco da oferta cultural.

 

Mirada a Castela e León

De acordo con estes obxectivos, o eixe central do encontro continúa a ser o programa de exhibición de espectáculos, dirixido tanto aos profesionais acreditados como ao público xeral. Este ano serán 17 as producións galegas que poderán verse en Compostela durante a celebración do mercado, onde se amosarán ademais dúas montaxes de Castela e León coas que se lle dá continuidade a liña de diálogo con outras comunidades autónomas aberta en 2016 co País Vasco. Desta volta e grazas á colaboración da Feria de Teatro de Castilla y León – Ciudad Rodrigo, presentaranse en Galicia as compañías Nau D’Amores, coa proposta de teatro contemporáneo Penal de Ocaña, e Cirk About It, coa montaxe de novo circo El apartamento.

En canto á representación galega, a organización reforzou a carteleira de espectáculos completos como eixe central da súa programación, no marco da que amplía a súa oferta de 14 a 17 títulos, estendéndose así ao espazo e horarios reservados en anteriores edicións aos ‘showcases’. A selección desta cuarta edición volve incidir na variedade de manifestacións artísticas, xéneros e tipos de públicos aos que se dirixe a actual produción escénica.

 

Oferta galega

Así, atopamos nesta escolma seis propostas específicas para público infantil e familiar: as montaxes teatrais A nena que quería navegar, de Redrum Teatro; Pum, pum!, de Baobab Teatro; Redondo, de Caramuxo Teatro, e Rubicundo, de Teatro Ghazafelhos, ademais da de danza Emoticores, de Las Tricotouses, e a de novo circo O faiado, de Teatro ó Cubo.

No que respecta ás producións para público adulto, a carteleira dá conta dos últimos traballos de emblemáticas compañías teatrais galegas, como Eme2 Producións con A noiva de Don Quixote, Teatro do Noroeste con Estado de graza. Epifanía da mala filla, Teatro do Atlántico con Helena: xuízo a unha lurpia, Sarabela Teatro con Normas para saber vivir na sociedade actual, e Talía Teatro con Ubú Rei, ademais de amosar as moi diferentes propostas que nos chegan da man de compañías de traxectoria máis recente, pero xa moi destacada, como IlMaquinario Teatro con Resaca ou Elefante Elegante con Tropical. Tamén hai lugar aquí para formacións de moi recente creación (Os Náufragos Teatro con Castrapo, o seu espectáculo de debut), así como para a maxia (Mago Teto con Íntimo, a viaxe da miña vida), o novo circo (Pistacatro Productora de Soños con Outono) e a danza (Ánxela Blanco con Ulises e a nena durmida, segunda travesía).

Como en anos anteriores, as representacións destes 19 espectáculos serán de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente.

 

Programa profesional

O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores de teatros, auditorios, salas e mostras escénicas, así como representantes de produtoras e distribuidoras.

Nesta oferta de actividades previa inscrición inclúese, por terceiro ano consecutivo, unha xornada de presentacións en formato ‘pitching’, fórmula pola que se opta para que outras 10 compañías lles adianten aos axentes culturais acreditados un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos para esta edición son Aguratrat!, de Pérez & Fernández; Burlesque Night Show, de Compañía Nelson Quinteiro; Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, de Ibuprofeno Teatro; Chola, a it girl, de ArtesaCía; Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira, de Producións Teatráis Excéntricas; Elisa e Marcela, de A Panadaría; Este es de aire el otro de agua, de Kokoharuka; Nacidas libres, de Contraproducións; Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj, e Réquiem para un monicreque, de Os Monicreques de Kukas.

Tamén se mantén nesta cuarta edición de Galicia Escena PRO a oferta de actividades paralelas, entre as que se atopan varios encontros e presentacións profesionais, así como a habitual proposta musical. Esta última correrá a cargo do cuarteto Píscore co seu Concerto singular (e plural), un espectáculo cómico que xira en torno a unha marimba e á dificultade de catro músicos para sacarlle partido.

 

Máis información na web de Galicia Escena Pro.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements