Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 1

My generation

| Manuel Xestoso |

 


 

Ás veces a selección parece arbitraria, pero sempre podemos esculcar por unha orde oculta que permita que a Feira –ou Galicia Escena Pro– explique algo do que está acontecer no teatro galego. Dalgún xeito, as fortalezas e as debilidades da nosa escena acaban abrollando nunha cita que nace co propósito de alimentar un mercado cada vez máis cativo e prisioneiro desa austeridade decretada polos que nunca teñen problemas de liquidez. Podería ser, como sucedeu onte, que teñamos a oportunidade de ver as montaxes de Teatro do Noroeste e de Elefante Elegante: dúas xeracións con formas moi diferentes de facer teatro pero unidas pola urxencia de afrontar con armas propias ese devalo da contratación.

Estado de graza, de Teatro do Noroeste, precisamente, retrata o choque xeracional no seo dunha familia do final do franquismo no que a verdade de cada unha das protagonistas é esgrimida como argumento para marcar diferencias, aínda que a orixe dos seus problemas sexa a mesma para todas. A obra fai parte dunha serie –iniciada con Imperial Café Cantante e que continuou con Glass City e Palabras malditas– na que se afonda na memoria histórica da ditadura: pode entenderse como unha mirada retrospectiva pero, en realidade, trátase dunha busca da orixe dos problemas do agora.

Tropical, de Elefante Elegante, opera dende parámetros estéticos completamente diferentes, pero coincide en buscar no pasado as explicacións que descifren a actualidade. En Galicia sabemos algo diso que agora chaman desprazamentos masivos da poboación, e a obra establece paralelismos entre as viaxes do pasado e as do presente para mostrar cales son o trazos que unen ambas travesías.

Dende concepcións teatrais moi diversas, Teatro do Noroeste e Elefante Elegante chegan a conclusión que se espera cando extraes o argumento da realidade: non importa tanto a túa idade como o volume da túa conta bancaria. É dicir, importa máis a clase a que pertenzas que o ano en que naciches.

Pete Townshend, o cantante dos Who e autor de “My generation”, aquel himno da rebeldía xuvenil dos sesenta, declarou moitos anos despois que cando escribía a famosa frase “I hope I die before I get old” (espero morrer antes de facerme vello), pensaba que “old” significaba “moi rico”. Semella que no teatro galego pasan as xeracións pero permanece a circunstancia. E ás veces dá a sensación de que posuímos máis conciencia xeracional que conciencia de clase, sen nos decatarmos de que a circunstancia só se cambia dende esta última.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements