Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 3

A realidade

| Manuel Xestoso |

 

 

A realidade non é compracente. A realidade tende a levarlle a contraria aos nosos cálculos e a desmentir iso que nós chamamos a nosa percepción da realidade. En xeral, ese hiato entre as nosas expectativas e a realidade, entre o que esperamos dela e o que ela cede, é afrontada sen demasiado sentimento tráxico, porque a supervivencia pasa por obviar a destrución dos soños e por xerar novas esperanzas que nos axuden a seguir adiante. Relegar a traxedia ao escenario pode ser considerado un mecanismo de conservación da especie.

O teatro dirixido á infancia tende a evitar o lado máis escuro da realidade porque estimamos que a traxedia non debería facer parte desa etapa da vida. Pero a realidade é teimuda e non permite excepcións na repartición arbitraria das desgrazas. Pum pum!, o espectáculo que Baobab presentou onte na terceira xornada de Galicia Escena Pro, enfronta unha das máis sombrías caras da realidade, o abuso infantil, demostrando que a escena responde as obrigas morais que apoñemos ante o despotismo das adversidades.

Na edición deste ano de Galicia Escena Pro hai menos teatro infantil que noutras ocasións, pero o certo é que a realidade vai movendo os marcos entre xéneros. Do teatro infantil pasamos ao teatro familiar e do teatro familiar a un teatro que talvez non teña apelidos porque o que importa é o vínculo que establecemos entre o escenario e o mundo. Pum pum! logra conectar eses dous polos da existencia cunha delicadeza e un tacto que non oculta a ferocidade do tema tratado e cun acerto escénico que desmente a crenza de que o teatro dirixido aos máis pequenos é un xénero menor. Pum pum!, en realidade, é unha das obras máis destacadas das que pasaron ata o de agora pola feira.

Resaca, de IlMaquinario, escolle a ambigüidade como forma de aproximarse a iso que chamamos realidade. Contra o dogma do teatro documental, elixe a confusión entre o real e a ficción porque, sobre un escenario, ambas parécense o suficiente como para sacar as conclusións pertinentes. Parece comprobado que o teatro ten a capacidade de dotar á fantasía da solidez da realidade sen traizoar a súa precisión. E a inclinación do teatro contemporáneo é buscar argumentos que movan ao espectador de calquera percepción acomodaticia da realidade, que o despracen cara a unha visión alternativa capaz de remover os esteos do conformismo.

Os finais felices tenden a perder credibilidade no teatro dos nosos días e iso pode ser un síntoma do triunfo da realidade. E mais non debemos esquecer que a realidade, coma os argumentos, poden ser modificados. E que un teatro que escapa das convencións pode ser unha ferramenta para comezar o traballo.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s