Honey Rose

Acontece a vida

| Laura Porto |

  

 
 

Cando non acontece nada, acontece a vida. No espazo da inquedanza existencial, da espera eterna pola vida desexada, a vida que é aparece e vívenos. Aí e así se conforma a identidade.

Honey Rose fala connosco deses momentos de espera existencial nos que semellamos non ser nada, nos que se augura o fracaso absoluto de calquera aspiración… E sen chegar a ningún punto, sen lanzar ningunha mensaxe directamente cara á espectadora, fainos saber que é nese momento no que a aspiración mora.

Explotando ao máximo o feito teatral e amosando unha comprensión profunda deste, este peculiar cóctel de artistas leva a cabo no seu traballo un canto ao presente como única dimensión da existencia. Quizais non teña demasiado sentido soñar cun futuro no que nos converteremos nas persoas ideais que soñamos mentres esquecemos que o que somos é o que somos agora, único eu verdadeiro que podemos pór en xogo.

En Honey Rose non hai personaxes, nin historia, mais non por iso se conta menos ou se conta peor. A referencia a Esperando a Godot é obvia e constante, até o punto de que podería chegar a verse coma unha versión libre, libérrima, desta. Porque o ser humano é libre, libre de facer o que decida coa súa nada, coa súa espera e co corpo que lle tocou posuir e que outros se esforzan en lexislar constantemente. O acto de fumar como a decisión voluntaria de envelenar a existencia, mais especialmente e sobre todo como resistencia contra os poderes que lexislan sobre a vontade individual de se causar dano a unha mesma.

Todo isto que nesta descrición resulta tan solemne é pesado preséntasenos desde a lixeireza máis pura é sinxela, cargada dun humor tan inocente coma escuro. Podería dicirse que Honey Rose é coma un auga clara e fresca que permite ver claramente o fondo. Pura filosofía, divulgativa sen pretendelo, capaz de sementar a esperanza. Moita xente mira de lonxe o nihilismo coma algo depresivo e, en resumo, rotundamente triste cando nel reside, tamén de xeito rotundo, a posibilidade de afirmar a vida negando o futuro a favor dun presente absoluto.

En cada momento da peza podemos ver, no traballo dos actores, unha concentración absoluta no presente que se traduce nunha execución precisa, magnífica e completamente lúdica. Así mesmo, a dirección e a dramaturxia organiza materiais e gradúa intensidades con mestría para crear unha obra de aspecto belo, de fondo belo, de forma bela.

Honey Rose
Dirección e dramaturxia: Avelina Perez
Intérpretes: Adrián Chacón e Jorge de Arcos
Creación colectiva a partir de materiais xerados por toda a equipa.

Festival Vigo en Bruto. Teatro Ensalle. 24 de xuño de 2017.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements