Golem

Teatro 2.0

| Manuel Xestoso |

 

Foto: Bernhard Mueller

 

É unha parábola de significado obvio: o Golem é ese ser mitolóxico que, creado a partir da materia inerte, foi concibido para servir ao ser humano e, ao final, acaba xerando máis problemas dos que resolve. O mito da tecnoloxía (ou, máis concretamente, diso que chamamos novas tecnoloxías) é o obxecto deste espectáculo: un instrumento aparentemente neutro que acaba por crear dependencia, por destruír vínculos sociais e por servir aos intereses dun capitalismo completamente deshumanizado.

Coñecemos o relato: segundo o discurso hexemónico, tecnoloxía e progreso van da man e todo aquel que se nega a aceptar os cambios queda condenado á exclusión social, á obsolescencia dun mundo afastado dos grandes valores da modernización, a democracia, a xustiza e, sobre todo, o éxito económico. É o discurso dunha globalización que trafica con eses valores para supeditar os intereses da cidadanía ás comenencias do mercado co único estímulo do consumo permanente.

Golem sitúase nun momento da historia en que “aínda existían librarías”, para narrar a aparición dese ser de barro que, en primeira instancia, semella asistir ao seu propietario na vida cotiá e no traballo. Pouco e pouco, porén, o Golem acaba tomando as rendas da existencia do seu dono, ata desfigurar a súa personalidade e mudalo nun ser competitivo e implacable que se guiará exclusivamente polo interese propio. E, claro, daqueles que fabrican o Golem, xa que na sociedade resultante deste proceso de cambio, cada persoa posúe un Golem que se vai actualizando en sucesivas versións de xeito case permanente.

O acabado resulta admirable no que ten de reutilización de referentes visuais procedentes de varias fontes –dende o cine expresionista ata o circo, pasando polo cabaré– para crear unha aparencia que resulta, ao tempo, contemporánea e vintage. E ofrece momentos de grande agudeza na captura dunha paisaxe urbana que non invita precisamente ao optimismo.

O irónico é que a función se desenvolve mesturando actores reais cun cine de animación que require un altísimo grao de tecnoloxía para ser posto en escena e que esa exhibición tecnolóxica parece converterse no seu valor principal, dado que a mensaxe resulta bastante previsible dende o primeiro momento. Esa dependencia da tecnoloxía para ofrecer un produto amplamente comercializable, paradoxalmente, amósase máis acorde cos fundamentos do sistema que se critica que cos principios morais que din fundamentar o espectáculo.

Talvez existise a intención de crear unha distopía mostrando un mundo en que todo –mesmo unha banda de punk antisistema– se transforma en mercancía e incluso en moda imprescindible para todos os que queiran estar ao día. Pero ese futuro xa está aquí.

Esperemos que agora ninguén nos anuncie que este tipo de teatro en que o efecto se sitúa por riba da mensaxe nos traerá a modernización e o éxito e que aqueles que se neguen ao cambio serán condenados á obsolescencia dun mundo afastado deses grandes valores.

 

Golem de 1927
Dirección e texto: Suzanne Andrade
Cinematografía, animación e deseño: Paul Barritt
Música: Lillian Henley
Asistente de dirección e de deseño: Esme Appleton
Deseño de son: Laurence Owen
Vestiario: Sarah Munro
Dramaturxia: Ben Francombe
Asociado de animación: Derek Andrade
Deseño de proxección: James Lewis
Construción de decorados: Joe Marchant & West Yorkshire Playhouse
Realización de vestiario: Sarah Munro, Assisted by Martha Copeland
Directora de produción: Helen Mugridge
Técnico de son: Chris Prosho
Productora: Jo Crowley

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Benite. 13 de xullo de 2017.

 
 
 
 
 
 
 

Advertisements