Ricardo III está prohibido

Por que o teatro é tan perigoso

| Manuel Xestoso |

 

Foto: Nicu Cherciu

 

A política e os intelectuais nunca acaban de levarse ben. A política require unha continua e urxente negociación entre desexo e realidade para resolver conflitos, e a densa carga teórica coa que acompañan os intelectuais os seus debates pode percibirse como unha pexa de pouca utilidade na perentoriedade da toma de decisións. Por outra banda, o traballo intelectual demanda o protagonismo do matiz e da independencia, e a militancia oficial parece sementar certas dúbidas sobre a posibilidade de manter a integridade ética dun pensamento abstracto complexo. Esa tensión entre a eficacia do político e a honestidade da reflexión tinxe sempre de suspicacias e desencontros a relación entre ambos actores.

Ricardo III está prohibido mostra o desenlace tráxico desa tensión recreando o episodio histórico da detención e execución de Meyerhold por parte do goberno de Stalin. Mais faino a partir da suposta fascinación do director de escena pola figura do Ricardo III de Shakespeare que, en palabras da propia obra, personificaría “o mal sen ideoloxía”. En realidade, un mal sen ideoloxía non existe excepto como lugar simbólico onde se escenifican os mecanismos da Historia que levan á colisión entre a razón de Estado e a autonomía do pensamento. Por iso o que se nos mostra non é o suceso real, senón a posta en escena dunha obra que só ten lugar na mente do artista.

O fácil sería cargar contra o aparato represivo sen matices pero, con este recurso ao onírico, o Teatro Nacional de Cluj-Napoca amósanos a gama de grises: a pregunta sobre a motivación de cada un dos protagonistas desta loita, o cuestionamento das propias ideas, a difícil convivencia entre os principios e a práctica. E claro, a penuria moral que provoca a obstinación en principios abstractos. Non debemos esquecer que Meyerhold era un entusiasta militante bolxevique nin que consideraba o seu labor teatral como unha parte da actividade revolucionaria que habería de cambiar a sociedade: eran os seus quen o sitiaban e quen, posteriormente, acabarían coa súa vida.

A enerxía física despregada polos actores, o contacto directo co público e unha narrativa máis simbólica que lineal contribúen a crear ese clima de pesadelo no que o protagonista dubida de si mesmo ao descubrir que a covardía é a única resposta dos seus achegados e que a hipocrisía é o camiño que leva á traizón aos ideais. A calidade do elenco e a xusteza nos seus xestos e palabras permiten exhibir toda a crueza e o pensamento dun texto cuxa dureza non lle impide ser sarcástico e mesmo, ás veces, humorístico. Escenas como a compartida por Meyerhold e o seu carcereiro –na que o famoso cabalo de Ricardo III se transforma nun símbolo de tolerancia– permiten manter a idea dun teatro preciso, belo e necesario. E explica, precisamente, por que, para o poder, o teatro é tan perigoso.

Ricardo III está prohibido de Matei Vişniec
Dirección: Răzvan Mureşna
Compañía: Teatro Nacional de Cluj-Napoca
Elenco: Matei Rotaru, Cristian Grosu, Alexandra Tarce, Miron Maxim, Radu Lărgeanu, Patricia Brad, Diana Buluga, Cristian Rigman, Silvius Iorga
Escenografía e Figurinos: Răzvan Mureşan, Radu Lărgeanu
Deseño de Luz: Jenel Moldovan
Deseño de Son:Marius Rusu

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Benite. 12 de xullo de 2017.
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements