Clean City

Clasismo e pantalóns vaqueiros

| Manuel Xestoso |

 

Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

 

Unha muller descobre que a súa “empregada do fogar” utiliza os mesmos vaqueiros ca ela e séntese ofendida por esta coincidencia: a empregada cóntao nun teatro –no curso dunha función que fala das mulleres inmigrantes que traballan como mulleres da limpeza en Grecia– e o público decátase de que existen determinados prexuízos que continúan a facer parte da ideoloxía hexemónica na sociedade europea.

Clean city xoga co concepto de “limpeza” empregado pola extrema dereita opoñéndolle a testemuña de mulleres inmigrantes que traballan como limpadoras, que realmente limpan o país. Aquela limpeza é un concepto central na propaganda racista de grupos como “Amencer dourado” en Grecia –e de moitos políticos de diferente adscrición ideolóxica en varios países europeos–, que prometen limpar de foráneos o seu país como antídoto ante a inseguridade creada pola crise. Pero a historia que relatan estas limpadoras auténticas opera como denuncia contra a xenofobia das sociedades desenvolvidas, que utilizan ao estranxeiro como vítimas propiciatoria ante os medos desatados polas convulsións económicas da última década.

O discurso de Clean city tende a acentuar a hipocrisía dunha Europa que utiliza aos inmigrantes como man de obra barata mentres os culpa dos males aparecidos coa depresión financeira e, neste sentido, resulta moi eficaz: os pormenores referentes ás continuas trabas burocráticas que se lles impoñen aos residentes estranxeiros e á inhumanidade con que se lles trata nos seus traballos ou no trato coas autoridades, por exemplo, son mostras que delatan a contradición entre os principios defendidos nas declaracións oficiais e a realidade estendida na praxe institucional.

Non obstante, a obra tende a pasar por alto a orixe última dos fluxos migratorios, dando estes case como un fenómeno natural e obviando que son o resultado dunha política que propicia a competencia entre a clase traballadora de diferentes países para abaratar os custos da forza de traballo e elevar o montante dos beneficios: iso que chaman globalización. Pode ser un exceso de suspicacia, pero talvez non sexa irrelevante pensar que o feito de que unha entidade que se denomina Onassis Cultural Centre apareza como principal produtor do espectáculo podería estar relacionado con este pequeno despiste dunha obra, por outra banda, moi ben documentada.

Apelar ao sentimento é unha estratexia nobre, pero non contribúe a explicar as causas polas que outras moitas traballadoras seguirán a sofrer as inxustizas dun sistema deseñado para que se perpetúen as desigualdades. No caso dos vaqueiros, estamos ante un caso de racismo ou de clasismo? O espectáculo non aclara demasiado a resposta e iso non debería suceder nunha obra adscrita ao teatro documental.

En todo caso, hai que aplaudir a dignidade e a honestidade con que as cinco protagonistas defenden os seus papeis: na escena e na vida real. Clean city emprega o humor e a ironía como táctica para superar as limitacións propias dunha posta en escena desenvolvida por actrices non profesionais e iso permite introducir pensamentos, ideas e debates sen incidir no didactismo e cumprindo a máxima de que hai que ensinar deleitando.

 

Clean City de Anestis Azas e Prodromos Tsinikoris
Dirección, investigación e texto: Anestis Azas e Prodromos Tsinikoris
Elenco: Rositsa Pandalieva, Fredalyn Resurreccion, Drita Shehi, Valentina Ursache e Lauretta Macauley
Dramaturxia: Margarita Tsomou
Deseño de espazo escénico e vestiario: Eleni Stroulia
Asistente de escenografía e deseño de figurinos: Zaira Falirea
Iluminación: Eliza Alexandropoulou
Música: Panagiotis Manouilidis
Vídeos: Nikos Pastras
Asistencia de dirección: Ioanna Valsamidou e Liana Taousiani
Construción de monicreque: Yiannis Katranitsas

MIT de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 17 de xullo de 2017.

Advertisements