VI Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro

1.  Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da erregueté – Revista Galega de Teatro, convoca este certame co obxectivo de contribuír, por medio da banda deseñada, á divulgación do teatro galego e portugués.

2. Neste certame poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas, e poderán presentar, cada unha delas, cantas obras desexen.

3. Para o concurso, cada participante deberá adaptar para banda deseñada nunha única páxina o fragmento incluído en anexo da peza Caixa negra, de Fernando Epelde, (editado pola Revista Galega de Teatro no seu número 74 e que pode consultarse aquí). Dos traballos recibidos, un xurado escollerá a proposta gañadora para encargarlle a adaptación da obra completa. O traballo final deberá ser entregado o 18 de decembro.

4. O texto do traballo será en lingua galega.

5. A extensión da adaptación da obra completa será de 12 ou 16 páxinas, en cor ou branco e negro, a elección do autor ou autora premiada. A capa deberá ser en cor. O formato será DIN A-4 (210mm x 297mm) en soporte papel ou dixital.

6. Os traballos non poderán levar o nome da autora ou autor de xeito visible. Presentaranse en sobre, sen sinatura nin nome, baixo un título ou lema. No seu interior incluirase outro sobre co mesmo título ou lema, e os datos persoais: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.

7. A recepción de traballos rematará o día 13 de outubro de 2017, este incluído. Deberán remitirse por correo postal a:

erregueté – Revista Galega de Teatro.
Apartado de Correos nº210.
CP. 36940 Cangas do Morrazo

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras.

9. O fallo inapelable do xurado será o día 18 de outubro de 2017 a través da web http://www.erreguete.gal

10. A organización resérvase o dereito de realizar exposicións públicas con todos os orixinais presentados.

11. Os exemplares non premiados poderán ser reclamados a partir do 19 de outubro de 2017. Os gastos de devolución correrán por conta das concursantes. O orixinal premiado e os orixinais non solicitados, pasarán a formar parte do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.

12. Establécese un único premio de 800 euros e a publicación da obra gañadora. O premio en metálico será dividido en dúas entregas: unha primeira entrega de 300 euros no momento de coñecer a decisión do xurado -o 18 de outubro- e unha segunda entrega de 500 euros no momento da recepción do traballo completo -18 de decembro de 2017.

13. Un xurado cualificado determinará a mellor obra. O premio poderá ser declarado deserto.

14. Queda implícita a autorización d@s autor@s da obra premiada para a exhibición ou publicación das imaxes ou do contido das mesmas por parte da erregueté – Revista Galega de Teatro para fins de difusión do premio nesta ou en posteriores edicións do mesmo.

15. As cuestións non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado segundo o seu libre criterio. A participación neste concurso implica a aceptación de todas as súas bases. A organización poderá introducir, se o cre preciso, as modificacións que estime pertinentes para o bo funcionamento do certame. De igual xeito, coidará das obras presentadas pero non se fai responsable da súa integridade.

16.Para calquera información sobre o concurso, as persoas interesadas poderán dirixirse ao enderezo: revistagalegateatro@hotmail.com

Cangas, a 3 de setembro de 2017

Anexo 1. Fragmento que deben adaptar @s autor@s para participar no certame.

Anexo 2. Caixa negra, de Fernando Epelde. Obra completa que deberá(n) adaptar o(s) autor(es) ou autora(s) da proposta gañadora.

Coa colaboración de:

Advertisements