Quen somos?

A Revista Galega de Teatro existe dende 1983 e, na actualidade, é a única publicación periódica que ten como obxecto o teatro galego.

A liña editorial da RGT sempre estivo marcada pola independencia, a honestidade e o rigor informativo e o seu obxecto preferente é o teatro galego, aínda que sen prescindir dunha insaciable curiosidade por calquera aspecto de interese relacionado co teatro en xeral.

A RGT conxuga información, creación, divulgación e estudo. Así, publíca críticas, reportaxes, crónica de festivais, recensións de libros, ensaios sobre un determinado aspecto relacionado coa arte dramática…

Antecedentes da RGT

A Revista Galega de Teatro ten unha “prehistoria” que hai que buscar no Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega cuxo número 0 aparece en Vigo no ano 1983. A creación deste Boletín foi unha iniciativa, entre outras, que levou adiante a sección de Vigo da Escola Dramática Galega (E.D.G) con sede na Coruña. Cando se decide clausurar a sección de Vigo da EDG, o Boletín pasará a denominarse Boletín de Información Teatral, para mudar pouco despois en Información Teatral, máis tarde Información Teatral-Revista Galega de Teatro e definitivamente, desde o número 11, en Revista Galega de Teatro.

Unha metamorfose guiada sempre polo obxectivo de “dar un paso máis no camiño da normalización teatral en Galicia” como xa podemos ler no número 0 daquelas hojas volanderas como alguén as chamou no Faro de Vigo cando apareceu. Normalización que consistía e consiste aínda en informar sobre a actividade teatral do país e do resto do mundo. Hai polo tanto unha continuidade na liña programática entre aquel primeiro Boletín de oito páxinas aparecido no “século pasado” e os últimos números aparecidos con máis de cen páxinas. 

Estrutura interna

Na actualidade a erregueté é editada por unha Asociación Cultural sen ánimo de lucro. Polo seu Consello de Redacción pasaron persoas relacionadas cos máis diversos ámbitos do mundo do teatro, desde a investigación á pedagoxía, desde a escrita á xestión ou a práctica actoral. Ao longo destes 30 anos formaron parte deste Consello de Redacción: Antón Lamapereira, Che Mariño, Xosé M. Pazos, Pedro P. Riobó, Casilda García Alfaro, Gonzalo Rodríguez, Conchi Costas, Iria Méndez, Manuel Vieites, Lourdes Vega, Cristina Cameselle, Ricardo Solveira e Mª. Xosé Vilas. 

Polo demais, a existencia desta publicación está en débeda permanente coa colaboración desinteresada e solidaria de moitísimas persoas que achegan artigos, textos dramáticos, fotografías, deseños e ideas. 

A liña da revista sempre estivo presidida pola independencia de calquera opción partidista ou corporativa, a procura do rigor e a honestidade informativa, a atención preferente ao teatro galego pero con curiosidade por calquera aspecto de interese do teatro internacional. Desde estes principios básicos intentamos estruturar os diferentes temas conxugando a información coa creación, a divulgación e o ensaio.

O actual organigrama da erregueté está constituído do seguinte xeito:

Directora: Vanesa Sotelo

Subdirector: Manuel Xestoso

Secretario: Roberto Pascual

Consello de Redacción: Afonso Becerra de Becerreá, Inma López Silva, Roi Vidal Ponte, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, Fran Peleteiro.

Consello Editorial: Antón Lamapereira, Xosé Manuel Pazos Varela, Che Mariño, Pedro Pablo Riobó, Gonzalo Rodríguez Calvo, Casilda Alfaro.

Edición de textos dramáticos

A partir do número 8, a RGT comezou a editar, dentro da mesma publicación, textos dramáticos. Inaugurou a colección 2132 un texto que nos ofreceu Roberto Vidal Bolaño cando lle comentamos o proxecto; a súa factura pode resultar dramaticamente heterodoxa xa que o propio autor definiuno como “fragmentos dun guión para un cómic”. Tamén de Vidal Bolaño é Memoria de mortos e ausentes, edición de Pedro P. Riobó, publicado nun número especial dobre que lle dedicamos. Seguindo cos creadores galegos, apareceron textos, entre outros, de Euloxio R. Ruibal, Jenaro Mariñas do Val, Luísa Villalta, Manuel Forcadela, Xesús Pisón, Liño Braxe, Constantino Rábade, Raúl Dans, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Pazos ou María Xosé Queizán. E, referíndonos a algúns dos máis novos, citaremos a Patricia Piñeiro, Vanesa Sotelo, Iván Caloto, Rubén Ruibal, Santiago Cortegoso, Fernando Epelde ou Clara Gayo.

Pero a nómina de autores publicados non ten fronteiras e a revista publicou traducións ao galego de dramaturgos interncionais tan significativos como os españois Juan Mayorga, Iztiar Pascual, Ernesto Caballero, Jerónimo López Mozo, Paloma Pedrero, José Ramón Fernández, Elena Cánovas, Yolanda Pallín, o mexicano Jaime Chabaud, o francés Michel Azama, o croata Asja Srnec ou os canadenses Suzanne Lebeau e Wajdi Mouawad.

Entre os autores internacionais, hai que destacar a especial atención que lle prestamos á edición de textos en lingua portuguesa como os de Abel Neves, Ricardo Cabaça, José María Vieira Mendes ou Marta Freitas.

Por outra banda, sempre que podemos aproveitamos a aparición de cada número da RGT para dar a coñecer por medio de lecturas dramatizadas os autores e a súa obra. Preparamos as lecturas de tal forma que poidan participar nelas tanto actrices e actores profesionais como afeccionados. É o caso, por pór algún exemplo, da lectura na RESAD de Madrid da obra Terra polo medio de Ernesto Caballero, na que participaron intérpretes galegos estudantes de Arte Dramática con dirección de Ricardo Solveira; no Museo de Arte Contemporánea de Vigo do texto Act-Tress de Xosé Manuel Pazos con actrices de Teatro de Ningures; na Galería Sargadelos de Ferrol da lectura por parte de alumnas e alumnos do grupo de teatro do instituto de FP Rodolfo Ucha da obra Os facedores de bonecas de Belén Roca; na Casa das Campás en Pontevedra o texto Ritos de Sangue de María Xosé Queizán polo grupo Avelaíña Teatro; na Biblioteca Pública de Moaña, en colaboración coa Lonxa Literaria, a lectura de O Ogrocho de  Suzanne Lebeau, na que participou o seu traductor Henrique Harguindey Banet; ou na Galería Sargadelos de Lugo, a lectura do texto Rexurdimento de Afonso Becerra pola compañía Nove-Dous.

Premi Born

Aquí é necesario citar o acordo da RGT co Cercle Artistic de Ciutadella de Menorca, entidade que convoca anualmente o Premi Born de Teatre. Por medio deste acordo o Premio Born foi traducido por vez primeira ao galego na XXXI edición de 2006 (gañada por Carlos Be con Origami) e, a partir dese momento, todos os gañadores contaron con cadansúa tradución ao galegoe edición na revista. Entre eles están Jesús Díez, Carles Batlle, Josep María Miró i Coromina, Lluisa Cunillé, Raúl Dans, Carles Mallol…

O Premi Born é así o único premio de teatro que aparece traducido as catro linguas do estado español:  galego, euskera, catalán e castelán. Esta circunstancia é sen dúbida un valor engadido para un galardón que xa está considerado como un dos máis prestixiosos e mellor dotados economicamente.

Certame de Banda Deseñada sobre Teatro Galego e Portugués

A Asociación Cultural Entre Bambalinas guiada sempre polo obxectivo fundamental de espertar o interese pola arte dramática, decidiu convocar, con caracter bianual, este certame que procura enriquecer, desde a linguaxe do comic, o feito teatral.

Como resultado deste certame a colección Banda Deseñada sobre Teatro está formada por: Doentes de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Brais Rodríguez; Hamster de Santiago Cortegoso, en versión de Diego Campos; Belicosario de Manuel Lourenzo, en versión de Juan Molina;  2132 de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Diego Blanco; e Imundação de Marta Freitas, en versión de Diego Blanco.

Teatro Crítico Universal. Magazine de crítica da RGT

No ano 2014, a erregueté, ante a práctica desaparición da crítica teatral nos medios xeralistas galegos, decide inaugurar un espazo web que dea conta da intensa actividade teatral galega. Inaugurado durante a XXX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, axiña se converteu nunha referencia para os afeccionados na que participaron a maioría dos críticos en activo: Manuel Xestoso -coordinador- Afonso Becerra de Becerreá, Carla Capeáns, Camilo Franco, Inma López Silva, Vanesa Sotelo, Laura Porto e Roi Vidal. 

O magazine de crítica converteuse, a partir de 2017, no referente para a estratexia da revista en Internet.

O Fondo Teatral María Casares (FTMC)

O Fondo Teatral María Casares está integrado na Biblioteca Pública de Cangas do Morrazo e é o resultado dun Convenio asinado no ano 1995 entre o Concello de Cangas, a Revista Galega de Teatro e a Compañía de Teatro de Ningures.

A Asociación Cultural Entre Bambalinas quixo nomear así o FTMC en memoria e homenaxe á actriz María Casares (A Coruña 1922-Paris 1996) quen aos 14 anos tivo que exiliarse en Francia debido ao golpe militar franquista de 1936. Era filla de Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de goberno da II República.

Formado inicialmente pola cesión de fondos bibliográficos e diversas coleccións de revistas especializadas destas dúas entidades vaise enriquecendo progresivamente grazas ás continuas achegas de libros e revistas que, recibidas na redacción, apúntanse na RGT e posteriormente pasan a inventariarse na Biblioteca.

Grazas a esta trasfega, hoxe o fondo conta con máis de seiscentos volumes de libros de literatura dramática, de teoría, pedagoxía e técnica teatral e na súa hemeroteca poden atoparse coleccións de revistas emblemáticas xa desaparecidas como Pipirijaina e El Público, ademais de Primer Acto, ADE, Actores, El Pateo, Artez, Ñaque Expresión, Art Teatral, La ratonera, Entreacte, Escaramuza, CasaHamlet, Núa, El mundo del espectáculo, Ambidextro; as portuguesas Artistas Unidos, Adagio, Sinais de cena ou as latinoamericanas: Teatro, Gestos, Ateatro, Tramoya, Connjunto e Teatro, Truenos&Misterios…

Premios

Ao longo da súa traxectoria, a revista recibiu os seguintes premios:

– VII Premio Xiria ao Labor Teatral 1993

– Medalla ADE 2006

– Medalla CELCIT 2010

– Premio FEGATEA 2010

– Premio MÁCARA Teatro 2011

– Premio de HONRA ABRENTE 2013

– Premio de Honra Marisa Soto 2016 da Asociación de Actores e Actrices de Galicia